
A casa
polo tellado
SONdePAZOS
Tres empresas construtoras acaparan as grandes obras do concello de Pazos de Borbén mediante procedementos opacos.
As tres vencelladas ó Partido Popular local.
Este é o relato do poder político, do seu uso e abuso, e das escuras redes que tece, incluso no pequeno concello de Pazos.
por
Gabriel Fuentes Míguez
desliza
Catro reis
É un mércores máis de 2012 cando pola porta de Casa Tellado entran varios homes ben vestidos, de camisa impoluta e americana ben planchada.
Maiores, formais e coñecidos por todos. Son os catro de sempre: Andrés Iglesias, o alcalde; Severino Reguera, o tenente alcalde e dous construtores, Alfredo Vidal e un tal Pérez. O “Tellado” é o seu centro de encontro predilecto, ou polo menos é o que se lle coñece.
Como de costume piden carne e regan con abondoso viño e cervexa. A sobremesa é longa e entretida, sobre todo cando os catro de sempre charlan entre os lances dunha animosa partida de cartas. Catro reis movendo o xogo, mais un que nunca paga. Son os outros, os compañeiros de parola, os que ceden do seu e o convidan.
Para todos era o alcalde. Para eles era o rei de triunfo.
As testemuñas que dan fe daqueles feitos, acotío esquecidos por unha incómoda normalidade, prefiren quedar na penumbra das mesas do fondo. Din que é a cautela, pero nas palabras vibra un rescoldo de temor e atafego.
Co azoute dos anos máis duros da crise, tralo estoupido da burbulla inmobiliaria, unha grande parte das comunicacións habituais entre concelleiros de urbanismo e construtores foron esmorecendo. Ás causas económicas derivadas da mala xestión dos fondos públicos e da especulación, engadíronse as demandas de transparencia e rendición de contas. A indignación social e a desconfianza fixeron que a cidadanía clamase dende esas datas até a actualidade pola purga escrupulosa das institucións.
Porén, os ritmos no rural profundo e conservador galego son distintos. Aínda que nestes últimos anos a dixestión estase a facer pesada de máis, aquí seguen triunfando o catro reis sentados na mesa cadrada. Coa política estatal soando coma un eco afastado, os cuestionados lazos tan propios dos comezos do milenio seguiron manténdose, mesmo afianzándose máis no tempo. Esta resistencia á mudanza do momento radica non só no mantemento dun plano laboral de conveniencia para ambas partes, senón nas estreitas relacións que transcenden o profesional entre estes persoeiros. E Pazos de Borbén é un claro exemplo disto.
Construtores e políticos adoitaban compartir mesa en Casa Tellado.
A só 300 metros do Concello está o Asador Tellado. Cando Luís deixou o negocio, os seus fieis abandonaron a tradición e deixaron de frecuentar o local,

Tralo abandono de Conde,
o PP pechou filas sobre o seu novo alcalde, o seu rei:
Andrés Iglesias
Tirando do fío
Falar hoxe de maiorías absolutas coa boca chea soa, paradoxicamente, case antidemocrático. A práctica unanimidade por un partido é case cousa do pasado. Trala irrupción das novas formacións no taboleiro político, o abatemento e a resignación a unha oposición minoritaria e minorizada case se disiparon.
Case.
Mais ese non foi o caso en Pazos de Borbén, como tampouco en moitos pequenos concellos do país. PP e PSOE colleitan abrumadoras maiorías no rural que se perpetúan no poder. A figura do alcalde de sempre, o de toda a vida.
En Pazos houbo varios. Manuel Conde soubo convencer con labia e dureza os seus en repetidas ocasións, dende 1983 até 1999. Este enriquecido traballador de banco, redondelán de berce, marcou unha etapa de prosperidade e progreso notable.
Con todo por facer e varias liñas de subvencións estatais e europeas, o vello alcalde forneceu de infraestruturas ó concello. Onde había camiños para ovellas botou piche e fixo pistas para os carros e os Pandas; tamén levou a luz á espesura dos montes, onde a escuridade mesta da noite devoraba choupanas de pedra con chan de lama. "Facía cousas", lembran os vellos do lugar.
A folla de ruta na xestión municipal foi moi clara dende o principio: dicir e facer. Tiña detractores, coma todos. Moitos deles aseguran que o modus operandi era sinxelo. El tiña o control, quen non dixese o que el, non (se lle) facía nada.
Veciñas de Pousiño lembran con graza aquela vez que se afoutaran abondo como para presentar unha queixa formal no concello por unha decisión municipal que afectaba a un trasvase de auga no río, dende Borbén para Pazos. Aldina, de 83 anos, rememora o día no que Conde chamou ás veciñas e veciños ó seu despacho na alcaldía para pedir explicacións. A súa filla Carme di que foi por mor dos resultados electorais. "Muita xente deixara de votalo e tiña dúbidas de quen fora. Chamou a algunha xente porque perdera votos e non tiña xa o cú na diputación", bromea.
As aspiracións de Conde por chegar a ser máis que un alcalde de toda a vida xogáronlle unha mala pasada. Foise con ilusión a probar sorte á vila, a súa Redondela natal. Nin a experiencia nin a labia foron suficientes. Dixo, mais non fixo. Pagou caro o abandono do concello que o apoiou durante 16 anos (1983-1999).
Agardaba unha volta heroica, entre cantos de ledicia por velo e brazos abertos. Mais non foi tal. A enorme maioría do pobo que antes da súa aventura vía ante nel un responsable e atento rexedor, agora vía un avaricioso traidor que deixara o seu verdor por amasar un chisco máis de poder. Non llo perdoaban.
E moito menos os seus paladíns, osque quedaran protexendo o forte, sobre todo o que fora a súa man dereita, a man do rei: Andrés Iglesias.
Era o comezo dunha nova dinastía local.
Andrés Iglesias
Na mesa do Tellado están sentados catro, pero fóra son máis. Andrés Iglesias encarna a figura do alcalde de toda a vida, quen chegou por vicisitudes do destino a ocupar o trono en 1999, tras o abandono do anterior rexedor popular.
Un home calado e tímido, tanto que precisa un longo receso de aire e saliva para articular dúas frases seguidas. Sempre gustou do ambiente do bar, entre veciños, copas de albariño e cartas, e máis dende que se fixo alcalde.
Sempre se negou a ter un horario fixo de atención ós veciños. "Se queren atoparme, xa saben onde estou", argumentara no pleno no que o instaban a poñer orde nas súas caóticas horas laborais. Efectivamente, Andrés mantívose fiel ós seus e a si mesmo. Seguiu acudindo ós bares de mañá, de tarde e de noitiña. Pasaba horas e horas cos veciños, gañándose o seu afecto convidando a tintos, cervexas ou cubatas. Andrés, o alcalde, o rei de triunfo, era parte da vida pública e popular, como quería, a costa da súa integridade.
O que era un rito de proximidade rematou sendo un vicio perigoso. Dende hai anos, loce unha mácula de culpabilidade que o acompaña a todas partes:
un rubor escurecido e permanente.


Severino Reguera
Nos albores da súa carreira política, Andrés amizou cun apoio importante no outro partido conservador do concello: Severino Reguera, quen acabaría ao seu lado de tenente alcalde tras unha lexislatura en sintonía.
Un empresario adiñeirado, dono de varias panadarías e de familia numerosa que non esconde a súa prepotencia nin arrogancia. Cando o acusaron de ladrón e corrupto meses atrás, nun pleno, espetou sen reparo: "Non teño tempo para gastar o que teño". Fai vida en Cambados agás cando hai pleno.
É a man do "novo" alcalde de sempre: leva a voz cantante nos plenos e na rúa, defende o programa e xáctase de ser deputado provincial e ter boa sintonía con Rafael Louzán –quizabes de aí que ambos estiveran investigados pola xustiza no mesmo caso –.
Moitos falan de Severino como un Kissinger –salvando as distancias– á sombra dun Nixon, como aquel que move os fíos de todo o que pasa no concello.

Andrés borboriña algo a Severino, quen tapa coas mans o que lle di. Ese día o PP perdía a maioría absoluta trala dimisión de Lorena Domínguez, vítima de vexación e comportamento machista.
JOrge garnelo

Azos, lazos e afectos
Na banda dos construtores destaca Alfredo Vidal. É curmán da muller de Severino Reguera e o empresario predilecto das obras municipais, aínda que é residente do concello de Redondela. Das oito grandes obras adxudicadas mediante o procedemento de negociación sen publicidade, catro foron parar á empresa Construcciones Alfredo Vidal S.L. Sumando a importante adxudicación directa duns vestiarios, Vidal recibiu 726.649,83 euros de diñeiro público por varias asignacións realizadas segundo estes procedementos.
De longa traxectoria no mundo da construción na contorna local, Narciso Rodríguez é o propietario de Amoedo S.L., outra das empresas beneficiadas polas adxudicacións sen publicidade. Por aquel entón, o seu xenro, Jorge Extremadouro, profesaba o cargo de concelleiro do Partido Popular. Entre a área recreativa de Nespereira e a reforma da Casa Escola de Moscoso, recibiu 288.588,11 euros.
José Manuel Castro (dono da empresa homónima) garda unha relación aínda máis estreita co PP de Pazos, sendo interventor en varias ocasións da formación conservadora. Foi o encargado da reforma das dúas casas escola da parroquia de Borbén por 236.702,48euros. Ambas presentan hogano problemas de humidade pese as recentes reformas (con menos de dez anos de antigüidade).


Os tres construtores beneficiáronse, cando menos unha vez, de ser os únicos en presentar oferta en procedementos negociados sen publicidade. Case sempre eran convidados estes tres.
O curmán de Severino Reguera, Alfredo Vidal, é o máis beneficiado en volume de obras, copando o 60% dos proxectos asignados baixo este procedemento pouco transparente.
Alfredo Vidal
José Castro
Narciso Rodríguez
Reparto proporcional
Así se repartiron as obras
Cada unha das construtoras recibiu unha adxudicación por oferta única, isto é, que das tres empresas escollidas para competir pola obra, só unha presenta oferta.
Deste xeito, a obra queda adxudicada de facto, sen competición. O único proce-demento no que concurriron outras empresas foi no Velatorio (Roublin S.L. e Arcade S.L.), aínda que só presentou oferta Alfredo Vidal S.L.
* Adxudicada por oferta única
** Adxudicación directa

Mapa actualizado
coas obras e custos
Tipos de adxudicación
Negociada sen publicidade
Oferta única
Adxudicación directa
Construtores
Alfredo Vidal
Narciso Rodríguez
José Manuel Castro



Clica nesta flecha da esquina para despregar unha lenda e ir ós puntos máis rápido.

Papeis mollados
Os únicos documentos de asignación de obras negociadas sen publicidade ás que non puidemos ter acceso son os referidos á Área recreativa de Moscoso, un espazo con piscina e un pequeno campo multideporte adxudicado pola deputación a Alfredo Vidal o 4 de abril de 2011.
Porén, a maior irregularidade
radica nos vestiarios
construídos a posteriori.
2011
Cronograma dos vestarios
2012
XAN
FEB
MAR
ABR
MAI
XUÑ
XUL
AGO
SET
OUT
NOV
DEC
XAN
FEB



CONSTRUCIÓN
SUBVENCIÓN
ADXUDICACIÓN
*acabaron en setembro

Non só antes da adxudicación, senón antes de aprobar a subvención para as obras
os vestiarios estaban xa en marcha.

As obras da piscina duraron preto de seis meses, rematándose a mediados de setembro. O, até fai un ano, concelleiro César Gómez publicara no seu día esta nova no portal moscoso.eu.
.png)
A adxudicación da obra chegou cando as obras estaban xa rematadas. O construtor que as levou a cabo e o que figura na resolución da deputación son, por suposto, o mesmo home:
Alfredo Vidal

Datas que fallan
Alfredo Vidal comezou as obras no verán de 2011 e deunas por finalizadas en se-tembro. Porén, a concesión da subvención ó concello chegou cos vestiarios prac-ticamente rematados (26.09.2011). A adxudicación final foi o 18 de xaneiro de
2012, segundo o Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).
Como se pode comprobar polas datas, a empresa Construcciones Alfredo Vidal S.L. executou a obra con antelación respecto a ambos procedementos necesarios para a realización de calquera obra pública subvencionada superior a 60.000 euros e menor a 200.000. Nin as datas nin o procedemento cadran.
A concelleira de Alternativa Veciñal, Mercedes Míguez, denuncia o modus ope-randi do PP local: "Non é normal que unha obra se realice cando aínda non foi adxudicada".
Tempo de rendir contas
Coa fin de contrastar e coñecer a versión do concello verbo desta a-parente trama de corrupción, solicitamos unha entrevista co alcalde, Andrés Iglesias, e o técnico municipal, Guillermo Patiño. Ambos re-xeitaron contestar as nosas preguntas ó respecto.
É por iso que toda a información investigada e exposta devén do
peneirado exhaustivo de actas de plenos, informes e documentación asociada ás adxudicacións. En 2016 o alcalde recoñecía que as obras eran adxudicadas a empresas "nas que se pode confiar".
O Ministerio Fiscal contempla indicios de alteración nos prezos dos concursos. É por isto que en xaneiro de 2019, comezou un proceso no que se sentarán no banco de acusados os tres construtores e o devandito técnico municipal, Guillermo Patiño, director das obras.
Pode ser que acaben pagando as consecuencias de ter comezado a
casa polo tellado.
Como se dun paradoxo providencial se tratase, a historia de xuntanzas entre amigos do poder conectados nunha sospeitosa rede (ou saco, dada a pouca transparencia) de adxudicacións de obras ten forma pechada.
O palacio escuro e desleixado que construíran os catro (e máis) reis ten os cimentos ó aire. Agora é vulnerables á tempestade da xustiza. Case en ruinas, a rendición de contas semella a única saída para o que foi o seu refuxio de poder, a súa casa.
A casa que comezaron polo tellado.