
KHENE
SON DO MUNDO
Juan Aceiro e Gabriel Fuentes
O SOPRO DA TRADICIÓN

A música sempre foi un vehículo de coñecemento e socialización. A través da música, facilitábase a aprendizaxe de historias narradas en verso, que pervivían grazas ó artificio da rima e das estruturas narrativas orais máis básicas xestadas polo ser humano.
Non é sorpresa para ninguén que o fenómeno musical, ben coma rede de substentamento do relato, ben coma acompañamento embelecedor, chega ós confíns do mundo máis insospeitados.
Se ben é certo que son os ideófonos e toda a familia dos percutivos os que ocupan un espazo clave, poida que protagonista, nos albores da conxugación musica e oralidade; os instrumentos de vento teñen reservado un lugar especial.
Así é que atopamos semellanzas e paralelismos culturais entre grupos étnicos e humanos que endexamais tiveron coñecemento uns dos outros.
Nesta entrega de Son do Mundo, imos falar do khene (pronunciado caan), un curioso órgano de boca orixinario de Laos, no sudeste asiático.
Lembra a unha frauta de pan dobre inserida nunha ocarina, pero é algo máis complexo. Está conformado por un número variable (mais case sempre par) de canas de bambú conectadas a unha estrutura oca pola que entra o aire. Adoita levar oito pares longos, pero hainos de seis, catro e mesmo tres. É familia do sheng chinés.
A súa historia é longa e de peso no país asiático, onde é considerado o instrumento nacional. Segundo os expertos, o instrumento remótase case á Idade de Bronce, o que deu tempo abondo para sedimentar culturalmente e constituírse como referente no panorama instrumental de Laos e norte de Tailandia (concretamente en Issan).
A lenda di que unha muller que intentaba agradar ao rei de Laos quería reproducir o son que escoitara dun paxaro de garawek, mentres camiñaba polo bosque un día. Decidiu entón crear un instrumento que imitase ao paxaro melódico. Comezou cortando un anaco de bambú que uniu en tubos a unha estrutura similar a un carmillo.
Cando o tocaba, decatouse de que, efectivamente, o seu invento soaba moi semellante ó paxaro. A muller foi elaborando algunhas melloras ata que considerou que o son era o ideal.
Foi ao palacio e comezou a tocar o seu novo instrumento sen nome ao rei. Despois da súa primeira canción, preguntoulle ao rei se lle gustara. El díxolle que estaba ben e que continuase tocando. Despois da súa segunda canción, preguntoulle ao rei se a segunda canción era mellor.
El respondeu: "Tia nee kaen dae ", que se traduce en "Esta vez foi mellor". Logo díxolle que chamase o instrumento khene ou kaen. O nome quedou para sempre así.
Habitualmente vencellado á música ritual, o Iam Mor, como acompañante fiel de voz principal no relato. Con todo, non é raro tampouco ver un grupo de khenes tocando como un coro en grandes celebracións.
Hai quen atopa paralelismos entre este órgano de boca e o órgano das igrexas ó que estamos acostumados en Europa. Moitos asiáticos de feito gaban de que o noso órgano de teclado non é máis que unha versión do khene e demais familia de oriente. Con todo, isto non é certo: o antepasado do órgano de tubos naceu en Grecia.
A LENDA DO PAXARO
Interpretación dunha peza tradicional a khene
Descobre por ti mesmo como é un khene con este modelo 3D feito por Somos de Pazos
Khene en Occidente
O khene é un instrumento tradicional moi usado nos ritos budistas, nas xuntanzas, cerimonias, bailes, vodas e mesmo funerais... O seu son tan característico é uha constante na vida en Laos e partes de Tailandia.
Adoita pasar que moitos dos instrumentos meramente tradicionais non transcenden alén das fronteiras do país ou zona de orixe. Emporiso, o khene é unha excepción.
En Occidente, músicos experimentais de renome apostan polo khene para as súas composicións. Mesmo bandas coñecidas mundialmente, como The Cranberries ou Aerosmith usaron este instrumento para algunha canción. Aquí están os exemplos.

Nestas cancións soa un khene
Os primeiros 45 segundos
Pump (1989)
Cara a metade
To the Faithful Departed (1996)
Na metade e no final
The Ladder (1999)
ÉCHE CURIOSO!
Grande parte dos asiáticos teñen unha vantaxe natural tocando o khene. O seu trazo evolutivo do nariz chato axuda a encaixar mellor o instrumento contra a boca dun xeito perpendicular ó chan.
Porén, a gran maioría dos caucásicos, de nariz máis pronunciado, teñen máis dificultades para manter esa posición.
Tampouco foxe da experimentación moitos músicos de renome, como Randy Raine-Reusch, Stephen Molyneux ou a sensación en Laos, Jonny Olsen.
De feito, a experimentación non vén só de occidentais que importan o instrumento. Cada vez son máis os asiáticos que levan ó seu instrumento estilos, xéneros ou leitmotivs occidentais.

UN FENÓMENO NA REDE
Jonny Olsen posando cun khaen ou khene
O apego dos asiáticos polos seus costumes, mais sobre todo pola súa tradición musical, é enorme e digno de loubanza. A Internet está ateigada de vídeos sobre instrumentos orientais de todo tipo, tocando cancións populares máis tamén facendo versiósn modernas ou probando xéneros actuais: o morin jur mongol, o sanxian e o ruan chinos ou o sitar indio.
Se queres enterarte de máis curiosidades sobre este instrumento, Youtube é un niño de vídeos sobre o khene e todo o que o rodea.