A fin do conflito de Amoedo, cada vez máis preto
- Gabri Fuentes Miguez
- 7 ene 2019
- 2 Min. de lectura
Actualizado: 25 feb 2019
A Comunidade de Montes de Amoedo consegue, grazas a unha moción presentada e aprobada pola oposición, un preacordo que resolvería o conflito polo uso e goce dos terreos de Amoedo, en mans municipais.
No documento prevese un pagamento aprazado e fraccionado dos máis de 500.000 euros que lle reclama o concello para compensar os investimentos realizados sen consentimento en terreo comunal. Desta forma, o concello perdería por fin o dereito de retención sobre o polígono industrial e deixaría de cobrar os alugueres das empresas, que pasarían á comunidade de montes de Amoedo, propietaria recoñecida por sentenza dos devanditos terreos.
"Se seguimos así, o polígo de Amoedo acabará morrendo"
O voceiro de Alternativa Veciñal, Luciano Otero, destacou a importancia deste avance porque “permite desbloquear unha situación que non favorece a ninguén, nin ós veciños, nin ao concello”. O edil lembrou que, na actualidade, o concello non pode ampliar o polígono nin asinar contratos en parcelas novas, polo que “ estanse a perder oportunidades” para a economía municipal. “Se seguimos así, o polígono de Amoedo acabará morrendo”, sentenciou Otero.
Durante un pleno acalorado e cheo de reproches por parte do público ao goberno local, o tenente de alcalde, Severino Reguera, recoñeceu que se a comunidade paga, o conflito estará resolto. Con todo, os comuneiros son escépticos ante o compromiso dos populares. O presidente da comunidade de montes de Amoedo, Miguel Míguez, asegura que o concello non dará brazo a torcer e que buscará fórmulas para atrasar o traspaso efectivo dos terreos.
“O director do banco propúxolle ao concello que asinase ante notario conforme renunciaba ao seu dereito de retención en beneficio da comunidade unha vez se aprobase o crédito”, explica o presidente, “para nós así poder pagar as mensualidades cos alugueres das empresas do polígono”. Míguez confesa que o concello se negou rotundamente á proposta. “Buscan atrasar o dereito de retención para que o banco se nos veña enriba por falta de pagamentos”, critica.
A decisión última sobre o acordo queda agora en mans da xustiza, quen deberá ditaminar se a fórmula consensuada entre a oposición, maioría do pleno, e a Comunidade de Montes é válida.
Imaxe de Jorge Garnelo.
Comments