A veciñanza, unida contra o desmantelamento da Sanidade
- Gabri Fuentes Miguez
- 4 ene 2019
- 2 Min. de lectura
Actualizado: 25 feb 2019
Esta mañá concentráronse ducias de veciñas e veciños diante do centro de saúde de Pazos de Borbén para protestar por unha atención sanitaria pública digna. Nos últimos meses, o centro estivo saturado e sen atención, cambiando cada pouco tempo o único facultativo que ten asignado.
A xuntanza contou co apoio e a presenza da primeira forza da oposición, a asemblea de electores Alternativa Veciñal; o edil do PSOE, Carlos Garrido; a expopular, Lorena Domínguez e de varios simpatizantes do BNG local, que levaron pancartas e repartiron folletos.
“Ao haber unha única facultativa que tiña obriga de cubrir as emerxencias, polo que durante os desprazamentos por urxencia, o centro queda desatendido”, sinalou Luciano Otero, voceiro de AV.
Como explica o líder da oposición, o voceiro de Alternativa Veciñal Luciano Otero, os cambios de médico “son un problema nunha poboación tan avellentada”. O problema estoupou trala ausencia do facultativo no seu posto. O sanitario xa levaba un tempo partindo horario para ir cubrir gardas a outros centros, deixando a Pazos sen atención.
Tamén se deixou ver o alcalde do concello, Andrés Iglesias (PP), quen se quixo sumar ás protestas e marchou nada máis irse a prensa. A súa presenza xerou malestar entre os presentes, que viron un xesto oportunista, electoralista e hipócrita.
O concelleiro socialista, Carlos Garrido, considera que “é impresentable que veña aquí cando non fai nada por atender as demandas do veciños”. “Só serve como propaganda política para as eleccións”, engadiu.
Por outra banda, a apropiación da concentración veciñal, aberta e plural, por parte do BNG local levando signos partidistas non agradou a moitos dos asistentes. "Non entendo que pintan os símbolos do partido aí, cando isto é cousa de todos", lamenta un veciño preto da porta do centro de saúde, ollando a grande pancarta que demanda unha sanidade digna.
Comments