top of page

Comunidade de montes e oposición, unidas para salvar o polígono

A Comunidade de Montes de Amoedo e a oposición (Alternativa Veciñal, PSdeG-PSOE e a edil non adscrita Lorena Domínguez) celebraron unha asemblea aberta na parroquia de Amoedo para aclarar a súa posición sobre o polígono e resolver dúbidas entre os comuneiros.


O portavoz de Alternativa Veciñal, Luciano Otero, xustificou o encontro "polo ruído creado" desde o concello trala aprobación en pleno do preacordo redactado por oposición e Comunidade. En declaracións á prensa, o alcalde asegurou que farían todos os esforzos por parar o preacordo, mesmo "volver aos tribunais".


Aínda que convidaron tanto ao alcalde como ao edil Fran Amoedo, natural da parroquia, para que explicasen a súa postura e fose un encontro o máis plural posible, ningún membro do goberno municipal apareceu. "Non queren cobrar os cartos que nos piden nin chegar a acordo ningún", asegurou Miguel Míguez, presidente da Comunidade de Montes.


"Están enganándome. Dígolles constantemente que temos que quedar e falar, pero non fan caso"

Míguez confesou que desde hai meses tenta reunirse co concello para dialogar, pero non obtén resposta. "Están enganándome. Dígolles constantemente que temos que quedar e falar, pero non fan caso", expresou o presidente con molestia. Especialmente polo edil Fran Amoedo, a quen se lle reprochou na asemblea falta de iniciativa pola súa propia parroquia. "Parece mentira que sexamos veciños", lamentou Míguez.


A falta de diálogo por parte do goberno municipal tamén foi motivo de queixa para Otero. O portavoz de AV lembrou que por acordo do Pleno se creou unha comisión que só se chegou a reunir unha soa vez e a petición da oposición. Desa xuntanza Andrés Iglesias e Fran Amoedo saíron con dous compromisos claros: presentar as contas de ingresos e gastos do polígono dos últimos anos e convocar á maior brevidade outra xuntanza coa presenza dos avogados das partes. “Pasaron case tres meses sen que volveran dar sinais de vida”, lamentou Otero. [nota: a finais de febreiro seguen sen presentar as contas]


Durante a reunión fixeron fincapé no silencio deliberado por parte do concello sobre as cesións que faría a Comunidade de Montes. Así, sinalaron como unha das carencias dos informes que se fale de “préstamo gratuíto” cando, ademais de aboar o máis de medio millón de euros da sentenza, a Comunidade entregaría ao Concello o Tanatorio, o campo de fútbol, o de futbito e, por 25 anos, as dúas casas escola.


Otero lembrou "a vital importancia" de desbloquear esta situación. "A Pazos de Borbén non lle sobra riqueza, nin lle sobra emprego nin xente", ao que engadiu que "o polígono é unha forma de crear oportunidades para convencer ós veciños, sobre todo ós máis novos, de que poden ter un bo futuro no seu concello".

Commentaires


PORTADA

Proxecto desenvolvido por
Gabriel Fuentes Míguez

Un medio dixital que só fala do que nos preocupa en Pazos de Borbén, o noso lar​, 

bottom of page