Severino Reguera, concelleiro do PP: “Non teño tempo para gastar todo o que teño”
- Gabri Fuentes Miguez
- 29 dic 2018
- 1 Min. de lectura
Nun caluroso pleno, o tenente alcalde do concello e exdeputado provincial, Severino Reguera, increpou á oposición polo comportamento de varios particulares que o insultaron na anterior cita plenaria chamándoo “ladrón” e “corrupto”.
Naquelas datas, Reguera estaba acusado de suborno impropio continuado co expresidente da deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e a esposa deste; caso hoxe arquivado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Reguera culpou das acusacións aos concelleiros da asemblea de electores Alternativa Veciñal (AV) presentes e asegurou que en ningún caso el era un corrupto ou un ladrón por mor do seu amplo patrimonio.
“Non teño tempo para gastar todo o que teño”, espetou o cargo popular no remate do pleno, xusto antes de erguerse e liscar sen ouvir a réplica do voceiro de Alternativa, Luciano Otero. O público presente e os concelleiros de AV tacharon de “sobrada” a afirmación.
Nese pleno (o primeiro despois de seis meses), o concello pretendía facer un investimento de máis de 160.00 euros nunha propiedade da Igrexa, o Torreiro de Moscoso, aproveitándose do Plan Concellos da deputación. A oposición sinalou a torpeza, amparándose nun escrito da propia deputación que explicaba o caso, e freou a súa aprobación.
留言